Nimbos

Velaquí dous dos poemas máis coñecidos do poemario Nimbos (1961) de Díaz Castro. Editorial Galaxia:

PENÉLOPE

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!




NIMBOS 

Si é que o poema é tan só un nimbo de lus 
que os ollos cegos pónenlle as cousas 
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron, e se foron, 
pero siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos, 
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo equí os nimbos, coma cinza 
de rosas que onte encheron de perfume 
o mundo, morto xove, dalgún sono.

No hay comentarios:

Publicar un comentario